Tuesday 21 de May de 2024

Aitor Bouza reclámalle á Xunta que incremente a aportación do estatuto de capitalidade: “é un agravio absoluto para a nosa cidade”


Acusa ao presidente do goberno galego de facer un “uso partidario” da Xunta e critica que os 2,39 millóns nos que se mantén a partida “conxelada” na última década están “absolutamente desfasados”

Bouza cuestiona a actitude do Partido Popular de Santiago nesta cuestión lembrando que “todas as veces” que Grupo Parlamentario Socialista levou a subida da aportación ao Pazo do Hórreo “tivo en contra o voto do señor Verea”

Este luns o Consello da Xunta aprobou o convenio entre a Consellería de Facenda e o Concello de Santiago para facer efectiva a aportación da administración autonómica a Santiago en cumprimento do estatuto da capitalidade. De novo son 2,39 millóns de euros os que o Concello recibirá como contraprestación polo sobrecusto en determinados servicios que implica o feito de ser a capital galega. Unha aportación “insuficiente e desfasada” a ollos do Partido Socialista despois de máis dunha década conxelada.

“Non podemos permitir que a Xunta de Galicia do señor Rueda volva a bloquear un orzamento tan importante para a nosa cidade” denuncia o secretario xeral dos socialistas, Aitor Bouza, que lamenta o “uso partidario” que o Partido Popular, di, fai da Xunta: “isto é un agravio absoluto para a nosa cidade, pero sobre todo, para os intereses das veciñas e veciños de Santiago”.

Bouza insiste en sinalar que “por culpa de esta conxelación da Xunta” non se poderán desenvolver na cidade “outras políticas que si son competencia do Concello” precisamente, porque “non temos recursos suficientes xa que a Xunta non os da”. Neste sentido, insta ao executivo de Alfonso Rueda a retomar esta cuestión e revisar a aportación de maneira “inmediata”.

Esta é xa unha vella reclama dos socialistas que durante a súa última etapa no goberno instaron ao goberno galego en repetidas ocasións a revisar a aportación que consideran “insuficiente” para asumir os gastos de ser a capital galega e, como tal, ser a sede das principais administracións públicas, algo que se traduce en gastos importantes en materia de seguridade ou limpeza, por exemplo.

“O PP de Compostela tampouco pode ficar á marxe dos intereses de Santiago”

O secretario xeral dos socialistas arremeteu tamén contra o Partido Popular de Santiago a quen acusou de estar alienados cos “intereses caducos do señor Rueda”. Lembra que o Grupo Parlamentario Socialista levou en varias ocasións ao Pazo do Hórreo esta cuestión na presentación de emendas aos orzamentos da Xunta, “e todas as veces tivemos en contra o voto do señor Verea”.

“O Partido Popular de Compostela non pode ficar á marxe dos intereses dos cidadáns da nosa cidade” recalca Bouza que se pregunta se o líder dos populares “non pensa dicir nada para defender que Santiago merece máis e merece ter unha contía para afrontar todos estes gastos acorde aos custos reais”.

Desde as filas socialistas instan tamén ao goberno municipal a “poñerse as pilas” e sacar adiante os proxectos importantes da cidade, nomeadamente “todos os que teñen que ver coas negociacións da Xunta de Galicia: “que se senten a negociar ata que haxa un acordo nítido e claro para os intereses das veciñas e veciños de Compostela”.